Estella Freire Pérez; Vicente Blanco Mosquera; Salvador Cidrás Robles
Facultade de Formación do Profesorado de Lugo (USC)
workshop
Outros formatos para contarnos: da caixa conto ao conto en tres actos
Resumo
Como artistas e docentes nunha facultade de formación do profesorado, a nosa investigación céntrase principalmente no deseño de obradoiros e material pedagóxico que inciden na importancia de incorporar ideas, métodos, técnicas e procesos propios das artes como ferramentas fundamentais de exploración e análise da nosa realidade inmediata. Aínda que o debuxo e a palabra son linguaxes autónomas, nas crianzas conviven, alternándose e misturándose conformando un mosaico de experiencias. O workshop que aquí presentamos parte de diferentes propostas de debuxo como medio indispensable para a construción doutros mundos máis personais, significativos e integrados nun contexto. A maioría destes obradoiros apóianse en contos e narracións, a partir dos cales o imaxinario propio das crianzas se expande, a través do debuxo e a palabra, para producir e desencadear diferentes imáxenes e relatos. Outros formatos para contarnos incide na importancia do desenvolvemento do imaxinario propio a partir de procesos abertos onde imaxe, soporte e acción conflúen na elaboración de novas narrativas e reinterpretacións plásticas e visuais. Consolidar este tipo de metodoloxías, centradas na linguaxe e expresión propia, é o noso obxectivo fundamental, para poder formar desde os primeiros anos nas pedagoxías críticas e emancipadoras, abrazando a diversidade de formatos que nos aporta unha educación baseada nos procesos creativos. O punto común é o desenvolvemento de procesos que combinen imaxe, soporte e acción na creación de estruturas narrativas abertas, elementos facilitadores de novos formatos para contar e contarnos como colectivo. Incidimos na importancia de combinar estes tres elementos (imaxe, soporte e acción), partindo da xeración dunha persoaxe a través do debuxo colaborativo para desenvolver estratexias narrativas sinxelas noutros formatos como o diorama de tinta, caixa conto, teatro de sombras… que permiten o seu uso como material didáctico en aula. As narrativas e soportes que se derivan das producións e das interaccións que se producen, cobran especial importancia, consituíndose como un dos principais parámetros para observar a creatividade. Os recursos e técnicas empregadas convírtense nunha linguaxe propia que conecta acción e exploración coa experiencia persoal e colectiva. As diferentes estratexias (debuxo, construción, performance, etc..), son combinadas entre sí coexistindo e xogando coas palabras, conformando un mosaico de experiencias. Incidimos na importancia do deseño de material pedagóxico no que o propio soporte deseñado é considerado como o principal elemento facilitador da narrativa. Un soporte onde interactuar previamente mediante a incorporación de grafismos ou formas recortadas que dé lugar a múltiples narrativas e linguaxes mediante as diferentes combinacións que posibilita. Estas propostas parten do xogo como ferramenta fundamental na aprendizaxe das crianzas a partir da creación de formas significativas que se comparten na acción mesma da construción de historias. Búscase deste xeito a autonomía creativa desde a espontaneidade, a resolución de problemas, o asombro, etc.. Os procesos de creación artística permiten incorporar a visión e as vivencias persoais como puntos de partida para o desenvolvemento de hipóteses e diálogos compartidos que nos acheguen ás diferentes formas que temos de entender e narrar a nosa realidade cotiá.